Condicións xerais Bizum Pay
En cumprimento da lexislación vixente, Bizum, S.L. (en diante, “Bizum”), con domicilio para estes efectos na rúa Francisco Sancha, 12, 28034 Madrid, con N.I.F. B-87599478, inscrita no Rexistro Mercantil de Madrid, no tomo 35.043, folio 30, folla número M-630249, inscrición 1ª, pon á disposición dos usuarios as presentes Condicións Xerais de Uso (en diante, “as Condicións”), que se indican a continuación, e que regulan o acceso e o uso da presente aplicación (en diante, indistintamente, “a Aplicación” ou “a App”), así como as condicións nas que se outorga a presente licenza de uso (en diante, indistintamente, “a licenza” ou “a licenza de uso”).
A redacción vixente destas Condicións ponse á disposición do usuario (en diante, “o Usuario”) e é de obrigada lectura e aceptación durante o procedemento de descarga, instalación e activación da Aplicación. Polo tanto, o Usuario comprométese á observancia e ao cumprimento rigoroso das disposicións que aquí se conteñen, sen prexuízo de calquera outra disposición legal que resulte de aplicación.
Condicións de acceso á Aplicación.
Bizum pon á disposición dos Usuarios as presentes Condicións para a descarga da Aplicación, propiedade desta. A Aplicación poderá obterse a través do market da empresa fabricante do dispositivo móbil utilizado para a descarga. En ningún caso será válida ningunha licenza ou descarga a través de terceiros non autorizados.
As presentes Condicións enténdense verificadas e aceptadas polo Usuario mediante a acción de premer o correspondente botón de “Aceptar”. Mediante a aceptación das presentes Condicións, Bizum outorga ao Usuario unha licenza de uso gratuíta, salvo que se indique expresamente un prezo, co fin de instalar e usar a Aplicación única e exclusivamente para acceder ao Servizo de Transferencias Inmediatas Bizum (en diante, indistintamente, “o Servizo” ou “o Servizo Bizum”) para o pagamento de compras de bens ou servizos realizadas en comercio físico e electrónico, ou a calquera outros servizos ou funcionalidades que poidan ofrecerse a través dela como, a título enunciativo, o enrolamento de tarxetas bancarias para o seu uso como método de pagamento alternativo na realización destas compras, ou a consulta dos últimos movementos realizados a través da Aplicación, entre outras.
O Servizo Bizum, ao que se accede a través do uso desta Aplicación, é unha solución de pagamentos inmediata, universal e integral que permite, entre outras funcionalidades, a realización de pagamentos móbiles e/ou electrónicos (baseados no uso de tecnoloxía NFC – Contactless), de forma presencial ou remota, en comercios previamente dados de alta no Servizo, para a adquisición de bens ou servizos, todo iso sen prexuízo de calquera outras funcionalidades ou servizos relacionados que poidan implementarse en fases posteriores. O Servizo é prestado aos Usuarios directamente polas entidades bancarias adheridas a el (en diante, “as Entidades Adheridas”), conforme ás condicións e políticas comerciais que cada unha delas defina, sendo esta Aplicación unha canle de acceso adicional ás xa postas á disposición por estas.
En consecuencia, o acceso ao Servizo a través desta Aplicación está condicionado á subscrición previa por parte do Usuario dun contrato de alta cunha das Entidades Adheridas que decidisen ofrecer esta canle de acceso adicional. Non obstante o anterior, as condicións de contratación e de prestación do Servizo, as políticas aplicables en materia de protección de datos de carácter persoal no relativo á súa explotación, así como o alcance das comunicacións que as Entidades Adheridas decidan, se é o caso, remitir ao Usuario por esta vía, serán as que estas establezan en cada caso, sen que Bizum teña responsabilidade ningunha sobre elas.
Do mesmo xeito, no caso de que o Usuario decida facer uso da funcionalidade que permite o enrolamento de tarxetas bancarias como método de pagamento alternativo para a realización de compras, isto quedará condicionado á subscrición previa por parte do Usuario dos acordos correspondentes coa súa entidade financeira, sen que Bizum teña responsabilidade ningunha sobre eles nin sobre o uso deste método de pagamento alternativo, quedando isto circunscrito á relación mantida entre o Usuario e a súa entidade financeira e ao réxime de responsabilidade e demais condicións pactadas para estes efectos.
Ao acceder á Aplicación e finalizar o proceso de activación, a través da canle bancaria habitual da Entidade Adherida que corresponda en cada caso, xerarase un rexistro asociado ao dispositivo empregado para permitir o funcionamento operativo das distintas funcionalidades ofrecidas a través desta Aplicación.
No relativo ao acceso á Aplicación, faise constar que este poderá levarse a cabo mediante o uso da pegada dixital ou, alternativamente, do recoñecemento facial ou o uso de calquera outro parámetro biométrico que poida habilitarse, no caso de que o teu dispositivo móbil e o sistema operativo do que dispoña así o permitan. No caso de non dispoñer dun método de desbloqueo seguro no teu dispositivo móbil (uso de parámetro biométrico, desbloqueo por código, etcétera), informámosche de que non poderás facer uso da Aplicación.
No caso de que habilites a modalidade de autenticación mediante o uso dun parámetro biométrico, informámosche de que Bizum non terá acceso nin almacenará ningún destes datos, senón que os mesmos son xestionados polo fabricante do dispositivo ou do sistema operativo que corresponda en cada caso, quedando Bizum exonerada de calquera responsabilidade ou prexuízo que puidese derivarse polo mal uso desta información biométrica ou por unha eventual brecha de seguridade na súa utilización. Non obstante o anterior, como medida de seguridade adicional ofrecida pola Aplicación, esta contará cunha solución técnica que permitirá bloquear o acceso ás funcionalidades ofrecidas a través dela no caso de que se detecte un cambio nos métodos de identificación biométricos empregados na autenticación da operación respecto do asociado no momento do rexistro, e iso ata que o Usuario reactive novamente a operativa a través da canle bancaria habitual da Entidade Adherida.
Condicións para a descarga da Aplicación.
A descarga do software supón a concesión dunha licenza para o seu uso de forma gratuíta, salvo que se indique expresamente un prezo.
Salvo no que respecta ás limitacións expresamente establecidas na lexislación vixente en cada momento, o propietario do software non garante, nin implícita nin explicitamente, ningún aspecto deste nin os resultados da súa utilización, a non ser que se estableza o contrario mediante pacto escrito. Polo tanto, o programa ponse á disposición no estado en que se atopa, polo que o seu propietario non garante nin a súa adecuación a un propósito particular nin que estea libre de defectos. Así mesmo, o propietario do software non está obrigado a realizar actualizacións en relación co software. O propietario do software non será responsable polos danos, directos ou indirectos (incluíndo o lucro cesante), que puidesen derivarse do seu uso e, en especial, non será responsable dos danos, directos ou indirectos, que puidesen derivarse da perda de datos, proxectos ou mal funcionamento do software, alleos ao seu control, nin dos danos derivados de caídas de rede que impidan o seu funcionamento.
Condicións de uso da Aplicación.
O Usuario asume a responsabilidade do uso da Aplicación e, polo tanto, correspóndelle comprobar con carácter previo á descarga tanto as funcionalidades do software como a compatibilidade co seu sistema operativo.
Así mesmo, o Usuario comprométese a facer un uso adecuado do Servizo e das funcionalidades que ofrece a Aplicación e, con carácter enunciativo pero non limitativo, a non empregalos para (i) incorrer en actividades ilícitas, ilegais ou contrarias á boa fe e á orde pública; (ii) provocar danos nos sistemas físicos e lóxicos de Bizum, dos seus provedores ou de terceiras persoas, introducir ou difundir na rede virus informáticos ou calquera outros sistemas físicos ou lóxicos que sexan susceptibles de provocar os danos anteriormente mencionados.
Funcionalidade de visualización de operacións no mapa
A Aplicación poderá incorporar funcionalidades que permitan ao Usuario visualizar, de forma opcional, a localización asociada a determinadas operacións realizadas mediante Bizum Pay, a través de ferramentas de mapa dispoñibles no teu dispositivo móbil.
A activación desta funcionalidade requirirá, se é o caso, a concesión previa dos permisos de acceso á localización do dispositivo por parte do Usuario, podendo estes ser xestionados e revogados en calquera momento desde a configuración do propio dispositivo.
Para estes efectos, faise constar expresamente que a información de localización utilizada para a visualización destas funcionalidades se procesa exclusivamente no dispositivo do Usuario, sen que sexa almacenada, tratada nin comunicada a Bizum.
Así mesmo, a visualización de mapas poderá implicar o uso de servizos proporcionados por terceiros integrados no sistema operativo do dispositivo, quen poderán tratar esa información conforme ás súas propias condicións e políticas de privacidade, sen intervención de Bizum.
O uso desta funcionalidade é voluntario e non resulta necesario para o acceso nin a utilización do resto de servizos ofrecidos a través da Aplicación.
Condicións de desactivación da Aplicación
O Usuario poderá desactivar a Aplicación en calquera momento a través do botón “Rexeitar Termos e Condicións de Bizum Pay” habilitado para esta finalidade dentro do seu perfil, sen que iso implique a baixa no Servizo Bizum, de modo que o Usuario poderá seguir gozando del a través do resto de canles postas á súa disposición pola súa Entidade Adherida.
Do mesmo xeito, a Aplicación poderá quedar desactivada se o Usuario, a través da canle bancaria habitual da súa Entidade Adherida, opta por desvincular o dispositivo asociado a ela.
No caso de que, con posterioridade, o Usuario quixese volver facer uso desta Aplicación, tería que volver realizar o proceso de activación correspondente.
Marcas e nomes comerciais.
Queda prohibido todo uso das marcas, dos nomes comerciais, dos nomes de dominio ou de calquera signo distintivo de Bizum ou de terceiros que conteña a Aplicación, incluíndo o propio nome e gráfico mediante o que se identifica a mesma ou a calquera das Entidades Adheridas ao Servizo Bizum.
Propiedade intelectual e industrial.
Bizum ou, se é o caso, un terceiro licenciante, son titulares de todos os dereitos de propiedade intelectual e industrial da Aplicación, así como dos elementos contidos nela, tales como, a título enunciativo e non limitativo: imaxes, son, audio, vídeo, software ou textos, marcas ou logotipos, combinacións de cores, estrutura e deseño, selección de materiais usados, programas de ordenador necesarios para o seu funcionamento, acceso e uso.
En virtude do disposto na Lei de Propiedade Intelectual quedan expresamente prohibidas a reprodución, a distribución, a transformación e a comunicación pública, incluída a súa modalidade de posta á disposición, da totalidade ou parte dos contidos da Aplicación, con fins comerciais, en calquera soporte e por calquera medio técnico, sen a autorización de Bizum.
O acceso á Aplicación non outorga ao Usuario dereito nin titularidade ningunha sobre dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial dos seus contidos; polo tanto, Bizum resérvase a posibilidade de exercer as accións legais que lle correspondan para facer valer os seus dereitos ou os dos terceiros licenciantes fronte a calquera infracción dos dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial.
Exclusión de garantías e responsabilidade.
A Aplicación proporciónase no seu estado actual de desenvolvemento e coas funcionalidades das que dispoña en cada momento, sempre adecuadas ao Servizo que se ofrece a través dela; polo tanto, Bizum non garante, nin implícita nin explicitamente, ningún aspecto dela nin os resultados da súa utilización, nin os derivados da utilización do Servizo, a non ser que se estableza o contrario mediante pacto escrito.
Bizum non garante o acceso continuado nin a correcta visualización, descarga ou utilidade da Aplicación, nin do Servizo e das funcionalidades ofrecidos a través dela, que poden verse impedidos, dificultados ou interrompidos por factores ou circunstancias fóra do seu control e, polo tanto, non lle son imputables os danos que puidesen sufrir os Usuarios por caídas, interrupcións, ausencia ou defecto nas telecomunicacións ou se os propietarios dos market nos que se atopa dispoñible deciden dar de baixa a Aplicación.
Bizum tampouco asume ningunha responsabilidade por danos, prexuízos, perdas, reclamacións ou gastos producidos por:
intromisións ilexítimas mediante o uso de programas maliciosos de calquera tipo e a través de calquera medio de comunicación, tales como virus informáticos ou calquera outros;
uso indebido ou inadecuado da Aplicación por parte dos Usuarios;
extravio ou roubo das credenciais de acceso á Aplicación, co conseguinte uso fraudulento do Servizo e das funcionalidades ofrecidas a través dela;
ou prestación indebida do Servizo por parte da Entidade Adherida a través da cal se tramitase a alta nel.
Modificacións.
Bizum resérvase o dereito a efectuar sen previo aviso as modificacións que considere oportunas na Aplicación, podendo cambiar, suprimir ou engadir tanto as funcionalidades e outros servizos relacionados aos que dan acceso como a forma na que estes aparezan presentados.
Bizum resérvase o dereito a modificar, de forma total ou parcial, as presentes Condicións, así como a incluír outras novas ás que o Usuario accederá coa instalación das novas versións da Aplicación. Para acceder ás novas funcionalidades ou servizos da Aplicación, o Usuario deberá aceptar as novas condicións facendo clic no botón correspondente. Polo tanto, as Condicións estarán vixentes mentres non sexan modificadas por outras debidamente publicadas.
Lei aplicable e xurisdición.
Para a resolución de todas as controversias ou cuestións relacionadas coas presentes Condicións será de aplicación a lexislación española, á que se someten expresamente as partes, sendo competentes para a resolución de todos os conflitos derivados ou relacionados coa súa interpretación e/ou execución os Xulgados e Tribunais de Madrid capital.