Bases legais sorteos e concursos
PRIMEIRA.- Obxecto
Co obxectivo de incentivar o uso dos distintos servizos ofrecidos pola compañía, a entidade mercantil Bizum, S.L., con domicilio social en Madrid, rúa Francisco Sancha, 12, e provista de NIF número B-87599478 (en diante, “Bizum”), promove a realización de distintas accións promocionais, as cales se rexerán, en termos xerais, polas presentes bases legais (en diante, “as Bases Legais”).
SEGUNDA. – Condicións particulares
Os requisitos necesarios para participar nunha determinada acción promocional descríbense no material de difusión de cada unha delas, no cal se incluirá, entre outras, a información relativa á duración da acción correspondente, a forma de participación e os premios asociados a esta.
TERCEIRA.- Período da promoción
As datas de comezo e de finalización de cada acción promocional quedarán debidamente detalladas no material de difusión asociado a esta.
CUARTA.- Ámbito territorial da promoción
As distintas accións promocionais que leve a cabo Bizum serán válidas dentro do territorio que se determine en cada caso na correspondente acción.
QUINTA. – Natureza da promoción
A participación nas distintas accións promocionais realizadas por Bizum é gratuíta e articularase baixo a mecánica de concurso de participación en Redes Sociais ou, alternativamente, mediante a mecánica de sorteo.
Ningunha das promocións estará patrocinada, avalada, administrada, nin asociada de ningún xeito a Instagram, Twitter ou calquera outra rede social.
SEXTA. – Requisitos de participación
Poderán participar todas aquelas persoas físicas maiores de idade que, na súa condición de consumidores, actúen cun propósito alleo á súa actividade comercial, empresarial, oficio ou profesión, estean dadas de alta no Servizo Bizum a través dalgunha das Entidades Adheridas ao mesmo, e sempre e cando se cumpran o resto das condicións ou requisitos que poidan definirse para cada acción concreta.
A listaxe de Entidades Adheridas poderá consultarse na ligazón www.bizum.com/es.
Non poderán participar os empregados da compañía organizadora Bizum.
SÉPTIMA. – Funcionamento das accións promocionais
Os detalles asociados a cada unha das accións promocionais que Bizum realice, virán identificados no material de difusión asociado a cada unha delas, non obstante, en liñas xerais, faise constar que:
– (i) No caso de que a acción promocional se articule baixo a modalidade de “concurso”, a fórmula para elixir ao gañador ou gañadores da mesma basearase no mérito ou pericia do participante, sen que este teña que facer ningún tipo de desembolso económico para participar, xa sexa directamente ou por medio de chamadas telefónicas, envío de mensaxes de texto ou de calquera outro procedemento electrónico, informático ou telemático no que exista unha tarificación adicional.
– (ii) No caso de que a acción promocional se articule baixo a modalidade de “sorteo”, a fórmula para elixir ao gañador ou gañadores da mesma basearase na selección baixo unha combinación aleatoria, sen que este teña que aboar ningún sobreprezo nin tarificación adicional, distinta, no seu caso, do mero consumo do produto ou servizo.
OITAVA. – Premios
Os premios asociados a cada acción promocional describiranse no material de difusión asociado a cada unha delas, no cal se identificará a natureza destes e o número de unidades.
Con carácter xeral, os premios quedarán suxeitos ás seguintes condicións:
– Os premios non poderán ser obxecto de cambio, alteración ou compensación ningunha a petición do participante premiado.
– Os participantes premiados poderán renunciar aos premios obtidos, pero en ningún caso se ofrecerá un premio alternativo, nin dita renuncia dará dereito de indemnización ou compensación.
NOVENA. – Elección e notificación dos gañadores
A fórmula que se empregará para a elección do gañador ou gañadores de cada acción promocional será descrita no material de difusión correspondente. De igual xeito, Bizum poderá seleccionar tamén un número determinado de suplentes que optarían ao premio no caso de que os gañadores previamente identificados renunciasen ao mesmo, non se lles puidese localizar ou non cumprisen coas condicións descritas nas presentes Bases Legais e requisitos de participación que se puidesen definir.
Unha vez seleccionados o número de gañador ou gañadores que en cada caso resulten aplicables, Bizum, na súa condición de entidade organizadora da acción promocional, porase en contacto cos mesmos a través da vía sinalada para tal efecto e remitiralles o correspondente Documento de Aceptación do Premio que deberán cubrir e enviar conforme ás instrucións que en cada caso se indiquen.
DÉCIMA.- Fraude
No caso de que Bizum detecte calquera anomalía ou teña sospeitas de que algún participante está a imposibilitar o normal desenvolvemento dunha determinada acción promocional, prexudicando os fins da mesma, ou levando a cabo calquera acto fraudulento que atente contra o seu desenvolvemento, Bizum resérvase o dereito de dar de baixa ao participante ou participantes implicados, todo iso sen prexuízo de calquera outra medida legal que estime oportuno emprender.
UNDÉCIMA.- Exoneración de responsabilidade
En calquera das accións promocionais realizadas por Bizum, esta queda exonerada de calquera responsabilidade que puidese derivarse por circunstancia imputable a terceiros que puidese afectar ao desenvolvemento de ditas accións e, en especial, á entrega dos premios asociados a cada unha delas.
DUODÉCIMA.- Reclamacións
Calquera reclamación que se orixine por causa da realización dunha determinada acción promocional deberá presentarse dentro do prazo dos tres (3) meses seguintes á data de celebración desta.
DÉCIMO TERCEIRA.- Protección de Datos
| Información básica sobre Protección de Datos |
| Responsable | Bizum, S.L. |
| Finalidade | Participación na promoción, certificar o cumprimento dos requisitos de participación e, no seu caso, comunicación e xestión da entrega do premio |
| Datos | Nome, apelidos, número de teléfono móbil e domicilio postal. |
| Lexitimación | Consentimento do interesado |
| Destinatarios | Non se cederán datos a terceiros agás obrigación legal. |
| Procedencia | Os datos son obtidos do propio interesado |
| Dereitos | Acceder, rectificar e suprimir os datos, así como outros dereitos, como se explica na información adicional |
| Información adicional | Podes consultar a información adicional e detallada sobre Protección de Datos no portal web www.bizum.com/es |
DÉCIMO CUARTA.- Fiscalidade
De conformidade coa lexislación aplicable, a fiscalidade concernente a cada un dos premios regularase con base no seguinte:
– (i) Os premios con valor superior a trescentos euros con cincuenta e un céntimos (300,51 €) estarán suxeitos a retención ou ingreso a conta do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), a cal será practicada por Bizum, que soportará o importe da mesma. De igual xeito, no seu momento, Bizum expedirá a oportuna certificación que facilite ao participante premiado o cumprimento das súas obrigacións fiscais.
– (ii) Respecto dos premios con valor inferior a trescentos euros con cincuenta e un céntimos (300,51 €), Bizum non terá obrigación de aplicar a retención a conta do Impuesto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), sen prexuízo do cal, infórmase aos receptores de tales premios de que os mesmos teñen a consideración de ganancia patrimonial non derivada de transmisións, quedando suxeita a tributación directa (IRPF), sendo responsabilidade de cada un deles o cumprimento das súas respectivas obrigacións fiscais.
Bizum non será responsable das repercusións fiscais que a aceptación dos premios puidese ter na fiscalidade dos gañadores que serán, en todo caso, por conta destes.
DÉCIMO QUINTA.- Autorización de utilización de nome e cesión de dereitos de imaxe
Cada un dos gañadores autoriza a Bizum a reproducir e utilizar o seu nome, apelidos e imaxe, na publicación da Listaxe de participantes premiados que esta realice, a través de calquera soporte ou medio de comunicación (TV, Internet, Redes Sociais ou outros) relacionada coa acción promocional que en cada caso corresponda, en todo o mundo e cunha duración temporal de dous (2) anos a contar desde a data de aceptación do premio, sen que iso lle confira dereito de remuneración ou beneficio algún, a excepción do premio recibido. As creacións que poida elaborar Bizum no referente á publicación desta Listaxe de participantes premiados, serán titularidade de Bizum e entenderase que, en virtude do premio recibido, o participante premiado cede en exclusiva todos os dereitos de explotación sobre os mesmos, no estritamente necesario para o desenvolvemento destas creacións e sempre que iso non implique modificación dos datos persoais do participante premiado.
Dito consentimento poderá ser revogado, en calquera momento, polos gañadores, debendo indemnizar, no seu caso, a Bizum polos danos e prexuízos causados.
DÉCIMO SEXTA.- Aceptación das Bases Legais
A participación nas distintas accións promocionais supón a aceptación íntegra das presentes Bases Legais e os requisitos de participación que en cada caso poidan resultar aplicables, así como a aceptación do criterio de Bizum nas decisións interpretativas que das mesmas efectúe.
DÉCIMO SÉPTIMA.- Modificacións
Bizum, no caso de existir causas de forza maior alleas ao seu control, resérvase o dereito de efectuar calquera cambio, suspender, acurtar ou ampliar o período de duración dunha determinada acción promocional, comprometéndose a dar a ditas modificacións o grao de publicidade que resulte necesario.
DÉCIMO OITAVA.- Lexislación aplicable e foro
As accións promocionais que Bizum poida realizar rexeranse polo dereito español común vixente.
Para toda controversia que puidese xurdir da interpretación e aplicación das presentes Bases Legais ou dos requisitos de participación dunha determinada acción promocional, tanto Bizum como os distintos participantes, sométense expresamente á xurisdición dos Xulgados e Tribunais de Madrid capital, sen prexuízo do foro que por lei puidese corresponder ao consumidor.