- Actualidad
As principais solucións de pago móbil europeas, BIZUM, BANCOMAT Pay e MB WAY, establecen un acordo para a interoperabilidade
Lisboa, 14 de decembro de 2023 – BIZUM (España), BANCOMAT (Bancomat Pay, Italia) e SIBS (MB WAY, Portugal), empresas líderes en servizos de pago móbil nos seus respectivos mercados, asinaron onte unha carta de intencións para implementar a interoperabilidade. Este acordo ten como obxectivo permitirlles aos seus usuarios realizar pagos instantáneos rápidos, cómodos e seguros co seu teléfono móbil nos tres países.
Coa visión de contribuír ao desenvolvemento dun mercado de pagos paneuropeo soberano e sólido, mediante a interoperabilidade entre as solucións de pago existentes e aproveitando os estándares de pago instantáneo SEPA e as solucións de pago móbil máis utilizadas nos distintos países europeos, este acordo ten como obxectivo conectar as tres principais solucións de pago móbil de confianza para os usuarios de cada un destes países. Queda aberta a posibilidade de que outras solucións de pago europeas participen en etapas posteriores desta iniciativa.
BIZUM, Bancomat Pay e MB WAY ofrecen pagos entre persoas (P2P) e de persoas a empresas (P2B). As solucións son utilizadas por 42,7 millóns de usuarios, que realizaron 1.470 millóns de pagos en 2023 nos tres países.
O acordo establece os principios de interoperabilidade entre BIZUM, BANCOMAT Pay e MB WAY, co obxectivo de desenvolver a interoperabilidade P2P en 2024 como primeiro paso, seguido doutros casos de uso de pagos no futuro.
Ángel Nigorra, director xeral de Bizum, comenta: «A ampla aceptación dos medios de pago dixitais por parte dos usuarios é un fenómeno incuestionable. Un exemplo diso é Bizum en España, con máis de 25 millóns de usuarios, onde “facer un bizum” forma xa parte da linguaxe habitual dos cidadáns. Con este acordo, desde Bizum queremos crear unha solución que satisfaga todas as necesidades de pagos e cobramentos do día a día dos cidadáns europeos, sexa cal sexa o seu país de orixe. Cremos que, para logralo, a interoperabilidade entre mercados é esencial. Agardamos que este sexa só o primeiro paso para que os usuarios dispoñan dun medio de pago móbil sinxelo, cómodo, seguro e universal para enviar e recibir diñeiro doutros usuarios e, no futuro, resolver todas as súas necesidades de pago, como por exemplo as compras en comercios».
Segundo Oscar Occhipinti, director de mercadotecnia de BANCOMAT S.p.A., «Grazas a este acordo, podemos anunciar con orgullo que BANCOMAT Pay® dá un paso máis cara á interoperabilidade europea e, concretamente, permite aos clientes italianos realizar transferencias con usuarios españois e portugueses. Cremos que esta é a forma axeitada de crear unha verdadeira rede alternativa paneuropea para aumentar as transaccións e o uso de SCT-INST».
Madalena Cascais Tomé, CEO de SIBS, comenta: «Con este acordo, estamos dando un paso importante cara á interoperabilidade entre MB WAY e as principais solucións de pago móbil europeas. Isto permitiralles aos nosos usuarios en Portugal enviar diñeiro a un número de teléfono móbil español ou italiano e recibilo del ao instante, da maneira máis cómoda e segura. Cremos que a interoperabilidade entre as solucións de pago móbil europeas libera o potencial dos pagos instantáneos SEPA e establece as bases para uns pagos paneuropeos verdadeiramente eficientes e innovadores».