- Actualidad
Comeza o despregamento dos pagamentos internacionais instantáneos entre BIZUM, BANCOMAT e MB WAY
Bizum, Bancomat e SIBS avanzan na interconexión das súas solucións no marco da iniciativa EuroPA (European Payments Alliance), marcando un fito significativo nos pagamentos transfronteirizos no continente. Así, as tres solucións comezaron a implementar a súa interconexión, que permitirá ás persoas usuarias de España, Andorra, Italia e Portugal enviar e recibir diñeiro instantaneamente a través do seu número de teléfono móbil e utilizando as súas solucións de pagamento preferidas.
Con este lanzamento, as persoas usuarias das tres solucións poderán realizar facilmente transferencias transfronteirizas instantáneas coa mesma velocidade e experiencia de cliente das que gozan actualmente. Como ata agora, con só seleccionar o contacto da axenda e o importe, o diñeiro estará dispoñible inmediatamente na conta de destino co mesmo nivel de seguridade e confianza.
A partir de hoxe, os bancos adheridos que ofrecen cada unha das solucións locais aos seus clientes comezarán a habilitar gradualmente a interconexión das súas solucións. Espérase que todos os bancos de España, Andorra, Italia e Portugal estean conectados no mes de xuño. Neste sentido, as entidades bancarias irán informando os seus clientes sobre a dispoñibilidade do servizo.
No caso de España, Banco Santander, Abanca e Openbank comezaron a poñer o servizo á disposición dos seus clientes de forma gradual, e nas próximas semanas sumaranse CaixaBank, BBVA e Banco Sabadell. O resto de bancos adheridos a Bizum avanzan no lanzamento para o segundo trimestre deste ano.
EuroPA permite xa a interoperabilidade entre Bizum, Bancomat e MB WAY, e conectará a máis de 50 millóns de persoas (das que case 30 millóns son usuarias de Bizum) e 186 institucións financeiras dos catro territorios. Bizum, Bancomat e MB WAY son as principais solucións de pagamento móbil nos seus respectivos países, con máis de 2.000 millóns de pagamentos realizados en 2024 (máis da metade corresponden a Bizum) e unha cota superior ao 65 % do total de pagamentos instantáneos nos catro países, unha porcentaxe que se situou arredor do 90 % no caso da solución española o ano pasado.
Construíndo a autonomía de Europa en materia de pagamentos
A iniciativa EuroPA está aliñada co obxectivo estratéxico da autonomía de Europa en materia de pagamentos, a través da adopción de estándares europeos SEPA e baseándose na confianza das persoas usuarias nas principais solucións e infraestruturas europeas de pagamento existentes.
Segundo Ángel Nigorra, director xeral de Bizum, «a interconexión entre as solucións líderes xa existentes en Europa é a vía máis conveniente para as persoas que xa son usuarias, que non terán que variar os seus hábitos de pagamento á hora de realizar operacións con particulares doutros países. Con esta alianza, que estou seguro de que será máis ampla en poucos meses, máis de 50 millóns de persoas poderán realizar pagamentos transfronteirizos sen necesidade de adoptar novas solucións, nunha contorna na que xa confían e cunha experiencia de cliente agradable, familiar e sinxela».
Prevese que o alcance da alianza medre e se estenda a máis países (da zona euro e de fóra dela), simplificando a forma en que persoas e empresas realizan os seus pagamentos en Europa. Así mesmo, tras a extensión do caso de uso de pagamento entre particulares, espérase que esta iniciativa tamén se amplíe e inclúa casos de uso adicionais no futuro. Todo iso co obxectivo de fortalecer unha infraestrutura de pagamentos europea innovadora e fiable.