- Actualidad
Bizum continúa medrando en 2024 con 3 millóns de operacións diarias, unha media de 35 bizums por segundo
- O número de operacións con Bizum durante o pasado ano foi de case 1.100 millóns, cun valor asociado que superou os 44.206 millóns de euros
- Os pagamentos no comercio electrónico volvéronse duplicar un ano máis respecto ao exercicio anterior, tanto en número de operacións como no volume asociado a estas
- A comunidade bizumer bateu o seu propio récord solidario, realizando por primeira vez máis de 1 millón de doazóns nun ano por valor de arredor de 50 millóns de euros
- Bizum levou a cabo con éxito as primeiras probas de interconexión con Italia e Portugal e espérase que a interoperabilidade entre os tres países (e Andorra) sexa efectiva antes do verán
Bizum, a solución de pagamento inmediato a través do móbil da banca española, mantén o seu sólido crecemento un ano máis. A finais de 2024, 38 marcas bancarias ofrecían Bizum a máis de 28,2 millóns de persoas, que realizaron unha media de 3 millóns de operacións diarias, o que significa 35 bizums por segundo.
En 2024, superáronse os 1.093 millóns de bizums en pagamentos a amizades ou familiares, compras en comercio electrónico, doazóns ou cobros e pagamentos en Loterías y Apuestas del Estado. O volume asociado a estas operacións superou os 44.206 millóns de euros. O mes con maior actividade foi decembro, no que, por primeira vez, se superaron os 100 millóns de operacións mensuais.
Un ano máis, Bizum bate o seu propio récord de operacións nun día. O 29 de novembro rexistráronse 4,8 millóns de bizums, unha media de 55 bizums por segundo.
Segundo Ángel Nigorra, director xeral de Bizum, «Foi un ano sumamente positivo para Bizum, grazas á confianza de bizumers e comercios, que apostan por Bizum, e ao traballo e á colaboración dos bancos adheridos. En 2024 volvemos medrar substancialmente en todos os casos de uso e estamos cada vez máis preto de consolidarnos como o medio de pagamento preferido pola sociedade e de facer que a chegada de Bizum a outros mercados sexa xa unha realidade».
O pasado ano Bizum ampliou o alcance dos seus servizos, tanto no referente ás funcionalidades como ao territorio. Por unha banda, varias entidades xa teñen dispoñibles o servizo para menores (con autorización parental), o de pagamentos recorrentes e o identificador dixital Bizum. Por outra, durante 2024, Bizum realizou con éxito unha proba de concepto para a súa interconexión con Italia e Portugal, o primeiro paso para que o vindeiro ano as persoas en España e Andorra xa poidan realizar pagamentos instantáneos e solicitudes a eses países, utilizando tan só o seu teléfono móbil. Isto fará de Bizum a solución de pagamentos europea con maior implantación transfronteiriza, xa que, ademais, todas as entidades andorranas xa ofrecen Bizum como medio de pagamento á súa clientela.
O comercio electrónico, clave para o crecemento de Bizum
En 2024, Bizum practicamente duplicou, por quinto ano consecutivo, a súa operativa en comercio electrónico, tanto en número de operacións como no seu valor, e acadou 58 millóns de compras cun valor asociado de arredor de 3.107 millóns de euros. Neste ámbito, en 2024 tamén se bateu o récord de compras con Bizum nun só día, con 400.000 compras durante o Black Friday (29 de novembro).
Ademais, o número de comercios que ofrecen Bizum como medio de pagamento tamén medrou substancialmente ata os 82.000, un 56 % máis ca no ano anterior, incluíndo comercios de todos os tamaños e ámbitos, tanto nacionais como internacionais.
Récord tamén en solidariedade
A comunidade de bizumers duplicou o importe doado a través de Bizum en 2024, destinado principalmente a proxectos de axuda ás persoas afectadas pola DINA. Así, durante as tres semanas posteriores á DINA, conseguiuse unha axuda para as diferentes causas dun total de 25,5 millóns de euros, cifra que supera todo o doado durante 2023. Neste sentido, só o día 1 de novembro doáronse a través de Bizum 4,8 millóns de euros.
Deste xeito, a sociedade volveu demostrar o seu compromiso e superou en 2024, por primeira vez, a cifra de 1 millón de doazóns nun ano, que supuxeron 49,2 millóns de euros de axuda.
Tamén aumentou o número de causas sociais que reciben axuda a través de Bizum. Hoxe, máis de 11.800 causas teñen habilitado un código Bizum para recibir fondos e máis de 200 comparten o seu traballo na plataforma Bizum Help.
Previsións 2025
En 2025, Bizum continuará a extensión dos pagamentos transfronteirizos entre España, Italia e Portugal durante os primeiros meses do ano, co obxectivo de que a funcionalidade estea dispoñible para toda a clientela antes do verán. Así, nesa data, as persoas particulares de España e Andorra xa poderán realizar pagamentos instantáneos de forma cómoda, rápida e segura a persoas usuarias deses países
Pola súa banda, a finais de 2025 está previsto que as persoas usuarias de Bizum xa poidan realizar pagamentos presenciais en comercios a través de tecnoloxía NFC, ben directamente desde a aplicación do seu banco ou ben a través da carteira dixital Bizum Pay.
Ademais, Bizum seguirá ampliando os seus servizos de subscricións e pagamentos recorrentes, estenderá o caso de uso de pagamentos de empresas a persoas e espérase a implantación masiva do identificador dixital Bizum.
Con todo iso, durante 2025, Bizum prevé acadar os 30 millóns de persoas usuarias, 1.150 millóns de operacións entre particulares e máis de 100 millóns de pagamentos en comercio en liña.